Santa Campaña

Conta a lenda que se este Día das Letras Galegas, mirando cara o monte ou cara o mar, pronuncias as verbas da nosa lingua expropiadas pola #MafiaEólica para nomear os últimos 75 polígonos aprobados de golpe pola Xunta de Galiza, ÉRGUESE A SANTA CAMPAÑA...

Solicitude de requerimento formal para a anulación e revisión da autorización dos proxectos eólicos.

O pobo galego unido contra a depredación enerxética entra en campaña demandando ás candidatas e candidatos municipais que activen a Lei 39/2015 para paralizar o/os polígono/s proxectados no seu concello.

Existe una ferramenta para paralizar -inicialmente de xeito cautelar e, potencialmente, de xeito definitivo- a invasión de polígonos industriais eólicos ca que a mafia político-empresarial vencellada ao oligopolio das corporacións enerxéticas está a impoñer pola forza contra a poboación e o territorio galego.

CALQUERA ENTIDADE LOCAL PODE SOLICITAR A INTERVENCIÓN DA XURISDICIÓN CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVA PARA PARALIZAR UNHA ACTUACIÓN INICIADA POR OUTRA ADMINISTRACIÓN, NO CASO DE CONSIDERAR QUE ESTA ACTUACIÓN PODE SER ILEGAL

A aprobación en masa de Declaracións de Impacto Ambiental, a existencia dun forte rexeitamento social na zona de implementación, así como toda a argumentación que conforman os centos de alegacións presentadas contra os milleiros de aeroxeradores proxectados son razóns de peso abondo para que calquera concello inicie este procedemento.

Así, o artigo 39.5 da lei referenciada indica literalmente:

"5. Cando unha Administración Pública teña que ditar, no ámbito das súas competencias, un acto que necesariamente teña por base outro ditado por unha Administración Pública distinta e aquela entenda que é ilegal, poderá requirir a esta previamente para que anule ou revise o acto de acordo con o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, e, de rexeitar o requirimento, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo. Nestes casos, quedará suspendido o procedemento para ditar resolución".

O ARTIGO 22.2 E O ARTIGO 39.5 DA LEI 39/2015, DE 1 DE OUTUBRO, DO PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO COMÚN DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS, LEXITIMAN O EXERCICIO DESTE REQUERIMENTO.

Que precisamos?

  1. Unha estratexia de traballo conxunta do pobo galego unido contra a depredación enerxética e as cidades e o rural xuntas contra o capital
  2. Unha solicitude/requerimento
  3. Un informe técnico do concello

Obxectivos

A Santa Campaña das municipais 2023 ten como obxectivos, en primeiro termo, dar a coñecer e consolidar a realidade de que CALQUERA ADMINISTRACIÓN PODE INICIAR UN PROCEDEMENTO PARA PARALIZAR OS POLÍGONOS INDUSTRIAIS APROBADOS POLA XUNTA DE GALICIA OU O GOBERNO DO ESTADO.

En segundo lugar, dado que estamos en campaña de eleccións municipais, consideramos que este é un momento idóneo para SABER SE AS PERSOAS QUE SE POSTULAN ÁS ALCALDÍAS DOS CONCELLOS AFECTADOS ESTÁN DISPOSTAS A, UNHA VEZ NA CORPORACIÓN LOCAL, INICIAR ESTE PROCEDEMENTO.

Cal é o noso plan de campaña?

Con creatividade e contundencia, interpelar a tódalas persoas candidatas de tódolos partidos políticos nos actos de campaña e nas redes sociais adaptando estratexicamente A Santa Campaña a cada realidade local.


Recursos

As plataformas de afectadas, as organizacións sociais en pé de loita contra a mafia eólica e, en definitiva, calquera persoa ou colectivo do pobo galego unido contra a depredación enerxética teñen a dispor:

Aparicións

Mesía, 19 de Maio de 2023

Primeira aparición

Colectivos de #AldeasLibresDeMacroélicos aparécenselle á CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE Ánxeles Vázquez (Partido Popular de Galicia, PPdG) no mitin celebrado en #Mesía, para asegurarse de que está enterada da abismal diferencia existente entre o recollido nas Declaracións de Impacto Ambiental dos polígonos industriais eólicos e a realidade dos seus impactos

Olla o vídeo da aparición

Mesía, 23 de Maio de 2023

Segunda aparición

As ánimas da Santa Campaña aparécenselle nun mitin á candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Beatriz Louro, para pedirlle que, xa que están no Parlamento, se interesen por aclarar se o dos 75 polígonos anunciados é unha broma macabra, tendo en conta de que non consta na acta do Consello da Xunta dese día nin foi publicado no DOG.

E de paso, que pidan responsabilidades á Xunta de Galicia por ir do lado das empresas nos procesos xudiciais contra a veciñanza, utilizando diñeiros do erario público.

Olla o vídeo da aparición

Lugo, 21 de Maio de 2023

Terceira aparición

Terceira aparición da Santa Campaña, o domingo 21 de maio durante a manifestación "O pobo galego unido contra a depredación enerxética" celebrada en Lugo. As ánimas interpelaron ao Concello para que se posicione en contra do polígono eólico Picato: “Sabemos que na última Xunta do Goberno local de Lugo, de hai tres días, dáse licenza urbanística para construír o polígono eólico no Monte Picato, e por iso demandamos ás candidatas e candidatos municipais que a revoguen e activen a Lei 39/2015 para paralizalo, e queremos saber se as candidatas que se postulan ás alcaldías de todos os concellos afectados polas poligonais no territorio galego están dispostas a iniciar este procedemento una vez estean nos gobernos locais.

Olla o vídeo da aparición